A Consellería do Mar estuda a adhesión dos seus ciclos de FP ao Campus do Mar

Mércores, 04 de Agosto de 2010

Como aliado natural que é no camiño de que o Campus do Mar se converta en Campus de Excelencia Internacional, a conselleira do Mar, Rosa Quintana concretou co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a súa implicación e achegas nesta candidatura. Mato e Quintana avanzaron nunha xuntanza as diferentes vías de participación da consellería no Campus do Mar, entre elas a posibilidade de implicación dos centros de Formación Profesional que dela dependen. Neste sentido, o IGAFA (Instituto Galego de Formación en Acuicultura) é o abandeirado con tres ciclos formativos: Técnico superior en produción acuícola; Técnico en operación de cultivo acuícola e Técnico en mergullo a media profundidade. Para o reitor, a concreción desta adhesión sería moi importante para “dotar á nosa proposta de máis potencia” entendida como unha liña de fortalecemento e integración que permita “a interrelación destes ciclos profesionais coa formación de grao e, sobre todo, coa Escola de Posgrao”.

 

O Parque Nacional das Illas Atlánticas adhírese ao Campus do Mar

Domingo, 01 de Agosto de 2010

Como fundamental definiu o reitor, Salustiano Mato, a incorporación do Parque Nacional das Illas Atlánticas ao proxecto do Campus do Mar. A decisión tomouse no transcurso da reunión que Mato mantivo este venres co conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, quen expresou o seu apoio á candidatura da Universidade de Vigo. Esta adhesión vén a reforzar a rede de apoios coa que conta xa o proxecto de Campus de Excelencia e a inclusión do parque representa segundo o reitor “un escenario imprescindible para a investigación”, con 8.480 hectáreas de superficie, 7285,2 marítimas e 1194,8 terrestres e hábitats de interese comunitario, como os arrecifes, as dunas ou as lagoas costeiras.

   

O Campus do Mar pasa o primeiro corte para converterse en Campus de Excelencia Internacional

Xoves, 08 de Xulio de 2010

O soño está máis preto. O proxecto de Campus do Mar presentado pola Universidade de Vigo, xunto coas de Santiago de Compostela e A Coruña, á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional ten superado, segundo confirmou este mediodía o Ministerio de Educación e, posteriormente, o reitor, Salustiano Mato, a primeira fase desta convocatoria. “É unha gran noticia para a Universidade de Vigo, unha gran noticia para Galicia, o Campus do Mar está xa na final do Campus de Excelencia”, subliñou con gran satisfacción o reitor, que destacou a importancia de que o Campus do Mar sexa un dos 13 proxectos que superou esta primeira fase.

A proposta viguesa, que acadou a 8ª posición entre as 13 institucións que pasaron a primeira fase, foi seleccionada de entre un total de 32 proxectos procedentes de 13 comunidades autónomas que se presentaban por primeira vez nesta convocatoria, aos que hai que engadir 16 que xa se presentaran no 2009 e que agora solicitaban unha nova cualificación ou financiamento adicional. Finalmente foron 13 as que pasaron o corte, as que lle hai que engadir a Mondragon Universitatea que, ao tratarse dunha universidade privada, non ten posibilidade de recibir subvención.
   

O proxecto do Campus do Mar xa está en mans do Ministerio de Educación

Martes, 01 de Xuño de 2010

Tras meses de intenso traballo fíxose efectiva este luns a candidatura da Universidade de Vigo ao Campus de Excelencia Internacional co proxecto de Campus do Mar. O Ministerio de Educación ten xa no seu poder os tres documentos nos que se resume a proposta viguesa, un resumo executivo, unha memoria económica e unha memoria do proxecto. A memoria do proxecto, de 120 páxinas, recolle detallada a proposta de excelencia en docencia e internacionalización, en investigación e transferencia e na transformación do campus, así como os instrumentos de xestión do mesmo. Así mesmo o resumo executivo sintetiza a esencia do Campus do Mar e a memoria económica recolle un orzamento provisional de 66 millóns de euros.

Segundo apunta o comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández, “esperamos que dende a entrega do proxecto este luns haberá que contar un mes” para coñecer a resolución da Comisión Técnica e amosouse optimista ante as posibilidades do Campus do Mar. “Non podemos augurar nada porque non coñecemos as outra candidaturas, pero estamos seguros de que imos sorprender, imos estar no debate ata o final e vannos ter en conta como un proxecto de valor”.

   

Páxina 1 de 7